Un Paso Máis celebra os seus catro anos de loita pola inclusión

13.12.2018

Hai agora catro anos que os carballeses Manuel Cantelar e Loli Varela (falecida) fundaron Un Paso Máis polas necesidades deportivas que detectaron que había para os nenos e as nenas do Concello con diversidade funcional. «Non había nada específico para eles e sentíanse un pouco desprazados», lembra o fundador e presidente. Comezaron con tan só un mozo, pero pouco a pouco foron medrando ata, na actualidade, e en xeral a partir do primeiro ano de existencia, contar con 220 socios, dos que 102 son activos (están ao corrente de pagos e participan nas actividades) e 21 nenos.

«Hai moita xente que nin sequera ten fillos con algunha discapacidade, senón que só está para apoiar», comenta Cantelar. E é que, como el explica, hoxe en día, a finalidade desta asociación é máis «a loita pola inclusión plena». Deste xeito, calquera persoa que busque unha actividade na que divertirse e «aprender valores que outras non teñen porque prima sobre eles a competición», pois ten as portas abertas. De feito, son máis os mozos sen diversidade algunha que con ela.

Neste sentido, teñen unha escola de fútbol na que os integrantes non compiten, o que implica non ter que levantarse os sábados ou os domingos polas mañás. Iso si, tampouco é un aspecto do que privan aos mozos: «Se vemos que un neno ten potencial, pois impulsámolo a que se vaia, se quere, para os clubs veciños como o Sofán ou o Bergantiños».

Falamos de mozos, pero a agrupación tampouco descarta, nun futuro, traballar con adultos: «Vemos que hai máis necesidades nos nenos, pero se algún día se presenta un grupo de adultos interesados en realizar algunha actividade non o dubidamos. Nunca pechamos portas, senón que intentamos adaptarnos ás circunstancias. Neste sentido, xa tivemos algún mozo con problemas de acoso escolar. O noso obxectivo é solucionar problemas e que os nenos gocen», conta o presidente. Así mesmo asegura que o apoio por parte do Concello e de empresas como Calvo ou La Caixa segue intacto, como o primeiro día: «Dende o municipal sempre se interesaron pola iniciativa e, de feito, déronnos un empurrón moi grande. E dende o privado, contamos co apoio de case todos os empresarios. Toda a xente á que lle pedimos axuda respondeu».

Ampla oferta deportiva

Teñen aberta a súa oficina no Espazo Xove de Carballo, os martes e os xoves, de 10.00 a 13.00. Pero o resto dos días atópanse dispersos por varias instalacións como os pavillóns Vila de Noia ou o do centro San Luís Romero. Ofrecen ata 6 modalidades deportivas, algunhas delas en convenio con algunha outra entidade. Tamén nisto medraron durante estes catro anos de existencia aínda que, como explica o presidente, o obxecto foi, máis ben, «darlle mellor calidade ao intentar buscar o monitor adecuado, porque eles son os que lle dan valor e filosofía a esta asociación».

O baloncesto lévano a cabo coa colaboración da Escola Basket Xiria. O fútbol, en cambio, e o goal ball (fútbol para cegos) realízano con monitores propios. Sobre esta última modalidade comenta Cantelar que é algo que lles encanta aos mozos porque «cos ollos tapados agudizan outros sentidos». Por outra banda, tamén realizan pádel a través do convenio con Mi Club Pádel, e equitación, con outro acordo con Finca O Ventoso, ademais de fomentar a natación, derivando aos interesados ao club Sysca, que dispón dunha sección para estes nenos, motivada no seu día pola fundación de Un Paso Máis.

A maiores, tamén participan de forma puntual no Camiño Sen Límites ou na Carreira Enki. E tamén organizan unha xornada de portas abertas na Praza do Concello para que outros mozos se acheguen a probar as súas actividades, entre as que tamén se atopan obradoiros diversos. Estes últimos adoitan triunfar coa participación de familias enteiras.

O que está por vir

Manuel Cantelar fixo onte unha valoración do camiño percorrido e do que está por vir: «Eu estou moi contento con toda a evolución destes anos. Foi como unha semente que se plantou, brotou, sacou unhas follas ao ano seguinte, e agora, o talo, parece que quere dobrar, de xeito que é o momento de apuntalar e poñerlle unha estaca para que siga medrando cara arriba».

Agora mesmo son 5 membros na directiva, pero, logo da asemblea xeral de socios celebrada o pasado día 2, entraron de cheo no proceso electoral. Cantelar asegurou que se volverá a presentar xunto coa súa lista, non desvelada, pero descoñece se algún outro ou outra tamén o fará. A finais de xaneiro son as eleccións. Pero como el di, «a directiva que saia elixida, terá que apuntalar a planta».