Premio EXPERIENCIA NA NEVE de ENKI

24.02.2025

Esta fin de semana, nós, as familias de UN PASO MÁIS, tivemos o pracer de vivir unha desas aventuras que quedan gravadas na memoria. Grazas ao "Premio Experiencia na Neve" de ENKI, embarcámonos nunha viaxe á estación de montaña de Manzaneda, un deses recunchos máxicos onde a natureza impón as súas regras e nós, humildes visitantes, só podemos deixarnos levar polo seu encanto.

O tempo, que adoita ser un xogador caprichoso nestas latitudes, decidiu portarse de marabilla. Incluso nos agasallou con un par de nevaradas, recibidas con xúbilo infantil polos pequenos e con esa mirada de nostalxia que os adultos reservamos para os recordos felices. Para algúns cativos, foi a primeira vez que vían a neve, e non hai palabras que describan o asombro nos seus ollos cando a tocaron por primeira vez.

Desde o venres ata o domingo, non houbo tempo para o aburrimento. A escalada no rocódromo puxo a proba os máis audaces, os xogos de pelota e a piscina convertéronse en festas improvisadas, e as rutas de sendeirismo deron para conversas e vistas inesquecibles. O telesilla levounos ata o cumio, onde as hostilidades se declararon en forma de épicas batallas de bolas de neve. Os máis valentes foron á carga, mentres outros optaron pola prudente estratexia de parapetarse detrás dos adultos.

Pero todo isto non tería sido posible sen ENKI e sen as nosas infatigables monitoras, Leire e Lara, dúas mulleres que, co seu esforzo e dedicación, lograron que esta experiencia resultase un éxito rotundo. A elas debemos non só a organización impecable, senón tamén ese don especial de transformar cada intento nun éxito.

Volvemos a casa con roupa mollada, cansazo acumulado e un feixe de anécdotas que, co tempo, se converterán en lendas familiares.

Porque de iso se trata a vida: de vivir momentos que paguen a pena ser contados.


NOTICIAS:

LA VOZ DE GALICIA

DIARIO DE BERGANTIÑOS