Participa na carreira ENKI!   con Un Paso Máis

19.09.2024

Unha vez máis, tras duplicar o número de dorsais reservados, pechamos as inscricións para esta competición. Grazas a todos os que vos apuntastes! Seguro que será unha tarde inesquecible. 

Queridas familias,

O sábado 19 de outubro celébrase a carreira ENKI e dende Un Paso Máis temos pensado acudir como ENTIDADE.

Para iso, abrimos inscricións para que todos poidamos participar deste evento tan importante e divertido. Así que animádevos e vinde que pasaredes unha mañá estupenda.

Para os que non a coñecedes, contámosvos: A carreira ENKI é unha cita única en Galicia. Nace en 2014 como unha proba lúdica, non competitiva, apta para todas as idades e condicións que, a través do xogo, promove a inclusión e a visibilización de colectivos e persoas con diversidade funcional, así como o respecto e a educación na diversidade.

Trátase dunha carreira de obstáculos adaptados e dun espazo de solidariedade, destinado ás entidades sociais, para sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a súa realidade a través de xogos abertos a todos os públicos. Por darvos algunha cifra, un dos seus logros foi acadar os 15.000 inscritos, sendo a carreira máis multitudinaria de Galicia.

Ademais, podedes vir disfrazados, o que a fai máis divertida aínda se cabe. Tamén se sortean premios de experiencias ENKI, como poden ser prazas en campamento inclusivo ENKI, fin de semana de aventura, excursión á neve, parapente, etc.

Adxuntámosvos unhas imaxes e unha ligazón para que teñades máis información. Se desexades participar, non tedes máis que cubrir o formulario antes de final de mes e nós encargámonos do resto.

Antes do día da carreira volveremos poñernos en contacto para ultimar detalles.