Nunca camiñamos sós.

Chámome Banesa Martínez Rodríguez e nacín no ano 1979 en Coiro, Mazaricos, pero dende hai máis de 20 anos son carballesa de adopción. Como tantas outras persoas, fixen a miña vida entre o traballo e a familia. Estudei para ser técnica superior en administración e finanzas, e sempre levei unha vida bastante normal: os nenos, a casa, intentar que o día dera para todo... porque xa se sabe que, cando es nai, o tempo nunca chega.
Estou casada e teño dous fillos. O maior ten 10 anos, o pequeno 8, e entre os dous deron a volta a todo o que eu pensaba que sabía sobre a vida.
TEA e TDAH
No 2019, ao máis novo diagnosticáronlle TEA e TDAH. Non vou mentir: foi un golpe duro, aquilo foi como un tremor baixo dos pés. O medo foi o primeiro que sentín, porque unha nai sempre quere o mellor para os seus fillos e, de primeiras, as etiquetas asustan. Pero axiña aprendín que un diagnóstico non define a unha persoa.
O meu pequeno é moito máis ca iso: é un neno marabilloso, divertido, cariñoso e cheo de vida. Só precisa que o mundo o entenda un pouco mellor.
Foi a través das súas necesidades, que me acheguei a Un Paso Máis. Ao principio, era unha nai que buscaba apoio, un espazo onde comprender mellor a situación do meu pequeno e aprender como axudalo. Pero axiña me decatei de que Un Paso Máis non era só unha asociación deportiva. Era moito máis: un lugar onde compartir experiencias, unha rede de apoio, unha familia que che estende a man cando máis o precisas. Entre todas e todos compartimos risas, preocupacións, logros e algún que outro tropezo. Pero o importante é que nunca camiñamos sós.
A enerxía e a dedicación das persoas que forman parte da asociación acabaron por contaxiarme. E cando me propuxeron asumir a presidencia, non o pensei demasiado. Hai veces que a vida che pon por diante retos que nunca imaxinaches para ti mesma, e este foi un deles. Ademais, como dicir que non? Tiñamos un grupo humano incrible, cheo de ganas e compromiso, e estaba convencida de que, xuntos, podiamos sacar este proxecto adiante con forza e ilusión. Iso si, non vou dicir que sexa doado. A miña vida agora está máis chea ca nunca. A carreira de Psicoloxía tiven que deixala aparcada de momento (vou pola metade), pero entre o traballo, a casa, os nenos e a asociación, os días pasan voando. Hai momentos de esgotamento, de sentir que o reloxo nunca chega a todo. Pero despois están esas pequenas alegrías que o compensan.
Voluntarios
O meu día agora é un compendio de emocións. Na casa, cada xornada é unha aprendizaxe. O meu home e mais eu, no seu momento, tivemos que reorientar a nosa vida laboral para adaptarnos á nova realidade familiar. Tivemos sempre claro que a prioridade é a familia. O noso pequeno, a pesar das súas dificultades, ensínanos cada día a ver o mundo doutro xeito. Aprendes a valorar cousas que antes quizais pasabas por alto: un sorriso, un pequeno logro, un día sen sobresaltos. E logo está o maior, que con só dez anos converteuse no mellor amigo e compañeiro do seu irmán. Enténdeo como ninguén e dálle un apoio incondicional. Pero o que máis me emociona é que, sen que ninguén lle dixese nada, decidiu ser voluntario na asociación. A súa implicación é xenuína, pura. Ver nel ese compromiso é unha das maiores recompensas que a vida me deu. Demostra que a empatía e a solidariedade non entenden de idades.
O mesmo podo dicir da xente de Carballo. Sempre hai alguén disposto a axudar, a interesarse polo proxecto, a botar unha man cando fai falta ou simplemente a ofrecer unha palabra de ánimo. E iso é un orgullo. Non todo é fácil, claro. Hai días duros, momentos nos que dubidas se estarás facendo o suficiente ou se poderás con todo. Pero logo chegan esas pequenas vitorias: un agradecemento, un xesto de complicidade, a certeza de que estamos a construír algo importante.
E así seguiremos: un paso máis cada día, coa esperanza de que todo o que facemos agora sirva para construír un futuro mellor. Non só para os nosos fillos, senón para toda a sociedade. Porque a verdadeira forza non está no que podemos facer sós, senón no que somos quen de conseguir xuntos.
DNI
Esta mazaricá, «carballesa de adopción», preside a entidade Un Paso Máis dende finais do 2023. Esta asociación persegue a inclusión e a integración. Relevou no cargo a Manuel Cantelar e Loli Varela (falecida), que iniciaron traxectoria hai máis de dez anos. Acompáñana na directiva Eva Arán Fernández, como secretaria; Lorena Botana Blanco, como tesoureira, e os vogais Adrián Monteseirín Suárez, Vanesa Cabeza Bello e Valentín Costa Trillo, segundo os datos da primeira asemblea celebrada. Cun enfoque colaborativo, a agrupación está moi activa nos últimos tempos. Promoveron iniciativas innovadoras e moi exitosas como distintas xornadas e actividades que recibiron un amplo respaldo da sociedade.
Fonte: LA VOZ DE GALICIA