LUDOTECA FAMILIAR

15.01.2025

Estimadas socias e socios,

Temos unha nova moi especial para compartir con vós: poñemos en marcha unha ludoteca familiar, un espazo pensado para gozar de momentos de xogo compartido nun entorno acolledor e inclusivo para toda a familia.

Esta ludoteca está aberta tanto para as nenas e nenos, que poderán xogar e divertirse con liberdade, como para os seus pais, nais, avós, avoas, irmáns e irmás, que tamén están convidados a participar e descubrir novos xogos xuntos. Porque sabemos que o xogo é unha ferramenta marabillosa para fortalecer os lazos familiares e fomentar valores como a cooperación e a empatía.

A actividade estará coordinada por María Adelaida Veiga Teixeira, profesora en Educación Infantil e Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade, grazas á colaboración coa Universidade de Vigo. Ademais, contaremos coa axuda dos nosos voluntarios habituais, que estarán alí para dinamizar o espazo e asegurarse de que todas e todos desfruten desta experiencia.

Se alguén está interesado en colaborar como voluntario ou voluntaria, pode comunicalo escribindo ao noso correo unpasomais@gmail.com. Toda axuda será benvida!

A ludoteca abrirá as súas portas o próximo 4 de febreiro e desenvolverase nas seguintes datas:

📅 Febreiro:

  • Do 4 ao 7
  • Do 11 ao 14
  • Do 18 ao 21
  • Do 25 ao 28

📅 Marzo:

  • Do 11 ao 14
  • Do 18 ao 21
  • Do 25 ao 28

O lugar de encontro será o local da Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa de Carballo, en horario de 17:00 a 19:00 horas.

A asistencia é totalmente gratuíta, así que podedes achegarvos directamente cando vos veña mellor, sempre que haxa prazas dispoñibles. Se preferides asegurar a vosa participación, podedes reservar previamente enviando un correo a unpasomais@gmail.com, indicando o día ou días e as horas nas que queredes asistir.

Se tendes algunha dúbida ou precisades máis información, non dubidedes en preguntarnos. Estaremos encantado de atendervos e resolver calquera cuestión.

Agardamos vervos por alí, gozando deste novo espazo de xogo e convivencia familiar. Será un pracer compartir estes momentos convosco!

Un afectuoso saúdo,
O equipo de Un Paso Máis