INCLUSIÓN NA ESCOLA

16.12.2024

Aproveitamos o deporte na escola como ferramenta universal para derrubar barreiras e fomentar a igualdade.

As actividades de deporte adaptado e inclusivo que organizamos desde a agrupación deportiva Un Paso Máis comezaron a finais de novembro e remataron na primeira semana de decembro. Durante este tempo, visitamos diferentes centros educativos, ofrecendo momentos únicos e especiais a través do deporte.

O CEIP A Gándara-Sofán, en Carballo, foi unha vez máis o noso punto de partida, como vén sendo nos últimos anos. Aquí, os máis pequenos enchéronse de enerxía e ilusión, participando en xogos e actividades que demostraron como o deporte é unha linguaxe universal capaz de unir persoas e derrubar barreiras.

Este ano, demos un paso máis e fixemos a nosa primeira viaxe fóra de Carballo para visitar o CPI Bembibre. A experiencia resultou fantástica, cunha acollida inmellorable por parte do alumnado e do profesorado. Durante a xornada, organizamos dinámicas inclusivas e deportes adaptados que promoveron valores tan importantes como a igualdade e a integración.

Tamén nos acolleu o CEIP Xesús San Luís Romero, outro exemplo de compromiso coa diversidade. Cada visita é para nós unha oportunidade para aprender, e este centro non foi unha excepción. Grazas á implicación do profesorado, as actividades desenvolvéronse nun ambiente cheo de entusiasmo e participación activa.

Unha das xornadas máis especiais vivímola no CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo. Foi unha experiencia entrañable e cargada de momentos inesquecibles. Pola súa banda, no mercado municipal de Carballo, xuntámonos cos nenos e nenas do CRA Ponte da Pedra, nun día cheo de risos e diversión. Máis dun centenar de rapaces participaron co mesmo entusiasmo, a pesar de que o mal tempo nos fixo cambiar de escenario.

Agora, tras rematar esta primeira etapa, cada centro que visitamos reafirma a importancia deste proxecto. En breve, retomaremos as actividades para achegar esta iniciativa a novos lugares, non só en Carballo e Bergantiños, senón tamén nas comarcas veciñas. O noso obxectivo segue intacto: promover o deporte como unha ferramenta para a solidariedade, a cooperación e o respecto pola diversidade.

O deporte é moito máis que unha actividade física. É un espazo de aprendizaxe e convivencia onde traballamos en equipo, aprendemos a poñernos no lugar dos demais e superamos prexuízos. Cada paso que damos afianza a nosa crenza de que este é o camiño correcto. Seguiremos avanzando con forza e ilusión, sempre agradecidos pola calorosa acollida das comunidades educativas que fan posible que o noso proxecto sexa unha realidade.